Sunday 12 de May de 2024

O programa de envellecemento activo da Pobra pon novamente o foco na estimulación cognitiva


A Concellaría dos Servizos Sociais e o Centro Sociocomunitario e do Benestar da Pobra do Caramiñal lanzan unha nova convocatoria do programa de envellecemento activo que, cada ano, medra en número de participacións.

Esta acción focalizada na estimulación cognitiva ten como finalidade mellora-la calidade de vida da veciñanza maior. O director do centro, Ricardo Lago, referiuse a algúns estudos que apuntan cara aos factores que redundan nun envellecemento saudable; entre eles, unhas fortes relacións sociais pola actividade que se xera no cerebro, por exemplo, no momento de manter unha conversa. Con este programa que se repite novamente na Pobra preténdese, polo tanto, “retrasa-lo máximo posible o deterioro físico e cognitivo asociado ao envellecemento. É dicir, que as persoas maiores poidan seguir sendo activas e que se sintan integradas na sociedade”, explicou. E, para lograr tal obxectivo, engadiu que “pretendemos potencia-la estimulación cognitiva, a autoestima e hábitos de vida saudable”, ademais de evita-lo illamento.

Tamén a este respecto se pronunciou a concelleira dos Servizos Sociais, Amparo Cerecedo, quen declarou que a participación e o lecer “son as dúas palabras clave”, por incentiva-la socialización e creatividade; dous aspectos moi positivos no ámbito neurolóxico. Esperta, ademais, segundo manifestou, moita expectativa entre a xente maior. Por iso, a Administración local reitera a súa aposta por esta iniciativa a través do seu financiamento con máis de 5 000 euros.

A dinámica é a mesma ca en anteriores ocasións, polo cal se divide en dous semestres, no horario da tarde. No primeiro, a musicoterapia transcorrerá aos mércores, dende o día 3 de abril ao 5 de xuño, da man de Ignacio Crespo, mentres que o envellecemento activo se desenvolverá aos venres, do día 5 de abril ao 31 de maio, a cargo da Cruz Vermella. Xa no segundo semestre, a musicoterapia impartirase do día 16 de outubro ao 11 de decembro e o envellecemento activo terá lugar dende o día 4 de outubro ao 29 de novembro. Farase unha parada nos meses do verán.

O prazo de matrícula xa está aberto; trámite que se pode formalizar nas propias instalacións do Centro Sociocomunitario e do Benestar.